Preto de 100 profesionais dos centros de información á muller de Galicia participan na formación en…

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Preto dun cento profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) están xa a recibir formación en materia de atención ás persoas LGTBI no marco da iniciativa que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de aproveitar a experiencia dos CIM para apoiar este colectivo e traballar na sensibilización e prevención das actitudes LGTBIfóbicas que lles afectan.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu hoxe á primeira das sesións presenciais desta iniciativa que tivo lugar na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. O curso estrutúrase en tres xornadas virtuais e dúas presenciais. A formación virtual rematou a semana pasada e as presenciais celebraranse nas catro provincias galegas. A de hoxe, na EGAP, tamén tivo lugar na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Nestes dous emprazamentos volveranse repetir o vindeiro 18 de decembro. Ademais, as delegacións territoriais de Lugo e Ourense acollerán as mesmas sesións mañá, 14 de novembro, e o 19 de decembro.

A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano.

Entre outros asuntos, imparténse módulos sobre a información legal en materia LGTBI, análise de casos de discriminación, recursos existentes e protocolos de actuación e debate e propostas para a mellora na atención a estas persoas.

O Goberno autonómico está a traballar por unha Galicia diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos reforzando os recursos para enfrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso do odio.

Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta cun Observatorio neste ámbito e un Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello Galego da Cultura que pon o foco na educación en igualdade.

A nova Lei da igualdade (en tramitación parlamentaria) acabará de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera discriminación por razón de sexo, xénero ou identidade sexual.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *